Cita 1

“A técnica da industria cultural levou só á estandarización e produción en serie e sacrificou aquilo que facía que a lóxica da obra se diferenciase da lóxica do sistema social. E isto non se debe atribuír a unha lei do desenvolvemento da técnica como tal, senón á súa función na economía actual”.

(Adorno e Horkheimer, Dialéctica da ilustración)

Interpretacións do cadro de Munch – 1

Ninguén chegou un día e dixo que era tarde
Que alguén puxera música na torre de soñar
E as nubes que impregnaban o ceo de melodía
Partiran carretando a esponxa da distancia.

E así Ninguén deitouse debaixo das maceiras.

Sentía os arrecendos dos froitos a medrar
E quixo que ese doce xarope da materia
Deixase un eco grave nos pórticos da boca.
E deu algunhas ordes, Ninguén, para que todos
Abrisen as xanelas e oísen aquel grito.

E todos escoitaban as voces a medrar,
As voces que se erguían da herba do silencio,
Que viñan derrubarse no tronco das maceiras.

Por iso aquela tarde Ninguén chegou tan tarde.

Non tiña na carreta as raras ferramentas
Que as xentes empregaban nas artes de podar,
Navallas para os cólicos das vides e da hortensia,
Trebellos afiados que poden consumir
O corpo dunha árbore, se cómpre tal exceso.

Ninguén era, por tanto, o heroe das vendimas,
Un home ou semideus dabondo habelencioso
Nas artes de empurrar abrollos vexetais
A alturas esquecidas no cimo das parreiras.
Ninguén, sempre o primeiro a oír a melodía
Das harpas que arrebatan os ventos por abril,
Tanxendo a corda aguda das pólas máis delgadas.

Ninguén o afinador de acuáticos harmonios,
O home que soprando falaba como os xílgaros,
Feliz entre asubíos de brisa, afinador
Do insólito piano da horta amañecendo.

Por iso Ninguén tiña as artes para rir.

Gardaba entre os cadernos do outono algunhas follas
Que fora recollendo por soutos en silencio.
E, ás veces, a visión daqueles manuscritos
Con signos inspirados na límpida embriaguez
Das seivas percorrendo o tronco dun carballo
Tamén dun castiñeiro, acaso dunha faia,
Facíalle perder, sequera algún instante,
A praia da conciencia, o mesmo que se fose
De súpeto raptado por viños madurados
No cerne da tristeza.                               

 E entón Ninguén fuxía, perdíase no monte,
Deixábase levar por versos e mensaxes
Camiño dalgún río no alto bulicioso,
Un río que nacía fervendo entre penedos,
Seguindo a prefixada derrota da paisaxe.