Innúmeras resultan as décadas precisas
No asalto dos castelos que gardan o poema;
Sen cómputo posible as horas necesarias
Na loita por abrir da lingua o baluarte.
Que escasos son, porén, os días relativos
Á fábrica do engano. Que axiña se executan
Falacias, ilusións, fantasmas irisadas
De asombro ou de sorpresa.
Percorres os camiños
E dás con moitos magos, rotundos na súa farsa
De luces e de brillos fulxindo no teatro.
Mais raros son, porén, os días do poeta.
Embarcas nunha nave e escoitas o cantar
Dun lento acordeón, as fráxiles secuencias
De pauta escurecida, as liñas que abre a néboa
Dispondo o seu vagar de soños sobre a música.
Daquela sentes dor, espiñas de tristeza,
E vas entre os salgueiros no curso dalgún río,
Febril e condenado, por veces disparando
Palabras contra a tarde no fondo da distancia.
E sabes que esa foi a luz da túa xornada.
Celeste epifanía que afunde o cadaleito
De maxia entre envoltorios inútiles de plástico.