O CÓLICO DOS MESES

“O pasado leva consigo un índice temporal que o remite á redención. Existe unha cita secreta entre as xeracións que foron e a nosa. E, como cada unha das xeracións que houbo antes ca nós, somos posuidores dunha débil forza mesiánica sobre a que o pasado esixe os seus dereitos. Non se debe despachar esta esixencia polas boas”

Walter Benjamin

“Os mortos daquel tempo xa foron perdoados.
Herdeiros e familias deitaron sobre os anos
A lápida do olvido.
Mais todo deixa rastro.
Ou antes ou despois algún dos vellos mortos
Virá para deitar no outono cicatrices,
Disparos de aguia grande nos círculos da historia
E entón todos veremos catástrofe de luces,
Sinais de que houbo sangue outrora sobre os campos”.

Así falou Ninguén, aquel que prodigaba
Os soños ao dicir as cousas como vermes,
E nós alí sentados oíamos a voz,
O mesmo que se escoita de noite a treboada.

Pasaron longos anos e os mortos seguen vivos.
E xa ninguén dubida que poidan regresar.
De feito aquí están: nós somos eses mortos,
O mundo mudou tanto, pasaron xeracións,
E nós fomos deixando a vida ben atrás,
Por máis que camiñemos de par con outros vivos.

Así que aquí nos teñen: os mortos regresados,
Os fillos doutros mortos,
Sinal de que houbo un tempo que o tempo derrubou,
Un cólico de meses, de anos e semanas,
Que foi esparexerse no aire como fan
As cinzas, as borrallas.

Así que estamos mortos.

O espectro deste tempo
Dispúxonos nun lado da sombra do seu curso,
Sinais dalgunha época que xa ficou perdida
Nos leitos que dispón a historia para o olvido.
E os mortos seguen vivos.
Oh sempre así será.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s