ROUPA

Derrubo nos meus soños a torre de Ninguén,
O sopro de distancias que un día se erixiu
A xeito de soidades.
E escoito o fumegante
Estralo de abater os círculos de cinza
E as caixas para a sombra.
No chan fica dispersa a erguida construción.
Xa nada existe agora que poida contemplar,
Silentes edificios ornados de tristeza,
O espello no que vía os corpos dos fantasmas.

Adentro entón a boca no fondo dos roupeiros
E beixo aqueles traxes que un día me vestiron,
Chaquetas e gravatas que puxen para entrar
Nos templos entre flores e músicas e canto.
E vexo o seu baleiro, a insomne proporción
Das mangas e a cintura, das pernas e do colo,
Figuras e perfís que deron acubillo
A un corpo atravesado por frechas ou espiñas.

Qué triste era portar aquelas vestimentas,
Sentir que che adornaban o peito, o tronco todo,
Ninguén alí debaixo erguendo o leve peso,
Murchando entre os azuis das sedas e a brancura
Do liño entre algodóns de túnicas e mantos.
Ninguén sempre levando a roupa para estar
Insólito, elegante, solemne, laboral.
Ninguén vestindo os panos de néboa da existencia.

E admito que non son máis que Ninguén:
Aquel que viste sombras e vai polas ribeiras
Da tarde a procurar debuxos de penumbra
Nas casas derrubadas; aquel que viste olvido
E túnicas garnidas coa Flor do Esquecemento.

Por iso son Ninguén,
Tropezo do meu curso no espello da existencia,
Rotura dos cristais que finxen a mirada
E dan para unha imaxe de brétema e de cinza.
Ninguén, o vagabundo, o insólito rebelde
Que foi por eses vales soñando debuxar
Un voo de tardes dadas nos círculos da sombra
E deu con vellas flores, hortensias e fracasos;
Ninguén, o que levaba a tráxica carreta
Do espolio dunha casa de súpeto fechada
Por longos arrepíos, tremores de distancia;
Ninguén, o cabaleiro, aquel que se deitou
Nas pozas onde paran as rápidas derrotas
Das augas devalando camiño dos seus mares;
Aquel que puxo os ollos con xeito de soñar
E dixo para si, o mesmo que se a voz
Solemne procurase un ermo na paisaxe:

“Eu son Ninguén Ninguén, camiño de Ningures.
Por diante do meu corpo só néboa se esparexe”.