Que lentas estas néboas que a tarde devalando
Xa arrinca do solpor.
Percorren o camiño, salgueiros xunto ao río,
E van pola distancia deitando unha fariña
De albas ou de aves, acaso unha tristeza.
Semella que a calor erguese desde a terra
Un súpeto arrecendo de fantasmas,
Espectros que se deron a errar polos camiños
Seguindo algún farrapo de brétema nas xestas,
Lixeiros atavíos no mar da transparencia,
Agora que o declive do día xa esparexe
As pontes derrubadas de marzo para abril.
Que fas, vello Lorrain, que a nada xa te arriscas?
De quen depende agora o río que se abre
E segue o leito denso da boca entre palabras?
Son restos dun incendio ou música calada?
Son aves achegadas das Áfricas distantes?
Que lentas estas horas que as néboas devalando
Culminan de solpor,
Lugares para entrar no sono e na preguiza
O mesmo que alguén entra nos templos entre flores,
O mesmo que alguén foxe das praias entre sal.