Fábula

Se existe algún relato que poida celebrar,
Despois de tantos anos contándome a ficción
Dos ríos navegados, dos lóbregos percursos
Por matos e montañas, lecturas e conquistas
De damas e cidades e públicos e sombras
Gozosas de interior,
Entón ese relato non é máis que unha fábula
Do frío, do baleiro, do nada, do brotar:
A historia inaugural da fundación,
O mítico algarismo, o apólogo cifrado
Das horas en que puiden atender
Os fíos que derivan do sol entre a linguaxe
Do mundo e as fulxencias cromáticas da sombra.

Oh parto e nacemento, momento inaugural,
Ou, indo máis atrás, o instante en que se xuntan
As células e estrala de súpeto a existencia.

E aínda que puidese dar conta deses tempos
Distantes, anteriores, que cousa encontraría
Senón a persistencia de idéntico motivo:
A lámpada que, acesa, sinala a transparente
Materia do cadáver da medusa.

O falar da natureza

Aquel que derrubado
na longa sinfonía do solpor
o tránsito descubre de nubes cara ao leste
e pensa que presaxio semellan de tormenta
e sente o mar bravío erguéndose nas ondas
e as aves que sinalan no asombro da distancia
os lánguidos acordes de outubro a derrubarse
oh canto xa coñece dos signos con que fala
a nobre natureza…