Aforismo 4: sobre Don Juan

Cando Lacan describe a “fascinación polo narcisismo do Outro” está a establecer un bucle segundo o cal:

1. a maior narcisismo maior sedución,

2. a maior sedución maior insatisfación,

3. a maior insatisfación menor narcisismo,

4. a menor narcisismo menor sedución,

5. a menor sedución maior satisfación,

6. a maior satisfación maior narcisismo…

O inferno de Don Juan radica nun curtocircuíto ao pasar de 3 a 4, que o devolve ao paso 1.

Don Juan é coma un disco raiado na parte máis fermosa da canción. Sorprende favorablemente mais, logo de varias repeticións, vólvese infernal.

Road movie

Aquel que vagabundo, guiando o seu transporte
Estradas atravesa en busca de mercado,
Cargado de productos, de bens, mercadorías,
Na épica errabunda do asfalto e do camión,
Ben sabe que o seu rumbo xa foi antes sulcado
Por sabios combatentes e loucos cabaleiros
Transidos polo voo sublime do ideal.

Os longos percorridos, os tránsitos enormes
E noites de vixilia, e fondas e paraxes,
E clubes, restaurantes que ofrecen os camiños,
Non gardan máis segredos ocultos para el
Que as luces da alborada erguéndose no ceo
A estrada repintando con cores diferentes.

Acaso algunha vez a moza autoestopista
Fuxida da súa casa, en crise co seu pai,
Ciumenta da madrasta que agora reconduce
As rédeas ferruxentas do lar abandonado,
Dispuxo na súa vida asombros e fulgores
Capaces de vencer a longa soidade
Da radio e dos quilómetros, do estrondo do motor.

Por iso non procura na mística da senda
Atallos, travesías que acurten a viaxe
Pois sabe que despois da carga e da descarga
A noite e a cidade non teñen para el
Galanos compracentes nin dádivas afables.

Por iso, convencido do fado aventureiro
Que os deuses lle outorgaron, agarda a grave hora
Sentado ante o volante, os pes pisando o embrague,
O freo, acelerando, as mans a facer xiros
De rumbo e de destino
Pois sabe que o final é sempre un accidente,
A curva, a colisión, sinistra peripecia
Que agarda nalgún punto acaso xa cruzado
En noites anteriores, en días devanceiros.

Fluminis hora sexta

Agora que na umbría máis cálida de agosto
Fluvial hoxe regresas do baño case espida
Os peitos nesa altura sublime das estatuas
No cumio destes mármores que ha furtar o outono
Celebro miña deusa alegres esponsais
Coas lánguidas preguizas oh doces fieis amantes
Na clásica bonanza que un día han de lembrar
Os homes cos seus cantos oh deusa te convido
A entrar de pé lixeiro ardente nos meus brazos
Que saiban neses anos vindeiros cando ocupen
Os meses no diagnóstico dos versos que che escribo
Que agora oh deusa ti e o nobre evanxelista
Xacestes xuntamente en plácida nudez
E a Eros celebrastes e honrastes longo rito