O vello que sentado no fondo dun café
As páxinas revisa cansado do xornal
Sen outra melodía que o súpeto bulicio
Das voces e dos fumes, dos pratos e das máquinas,
Lamenta na vertixe da plétora da vida
Non ter aproveitado mellor o capital
Das horas e a beleza do mundo e a linguaxe.
Ninguén lle dixo: vai, disfruta do teu día,
Non deixes que se perdan as augas do torrente
Que o tempo puxo en ti; oh goza o breve lapso;
Que sexa este interludio que o nada che concede,
Do berce ata o xacigo, a fonte luminosa
Que siga a alumear, despois de que a túa hora
Che sexa ao fin ditada e debas ingresar
No barco que atravesa as gándaras do olvido.
Que lástima perder fortuna semellante,
Que triste non saber que a hora chegaría
E espido, sen diñeiro, sen libros, sen bagaxe,
A nave por ti espera, xa fai soar o chifro.