Cita 3

Hai unha cousa moi curiosa na Semántica: que a palabra significado é, probablemente, a palabra con significado máis difícil de encontrar. Que é o que significa o termo significar? Paréceme que a única resposta que se pode dar é que significar significa a posibilidade de calquera tipo de información ser traducida nunha linguaxe diferente.

Claude Lévi-Strauss Mito e signifcado, 1978

LISBOA

Agora doume conta do pouco que aprendín,
Naquel curso distante na néboa de Lisboa,
Nos tempos en que, mozos, podíamos pensar
Que a vida era máis longa, que todo tardaría,
E os meses camiñaban, solemnes, de vagar,
Sen outra dilixencia que a música e o río.

Vivir era daquela tan grato e pracenteiro…
Erguerse de mañá, Cultura Portuguesa,
Despois Literatura, Gramática, Cinema,
Á tarde un percorrido por bares e tabernas,
A música do fado…
E todo a unha distancia exótica e miúda,
Brasil, O Miño e Goa nun mesmo percorrido.

Mais tanta foi a presa, os libros, o camiño,
As noites e a súa cinza de fumes, de tabaco,
Que sinto ter errado de xeito tan palmario
Os rumbos, o destino, o ton desa elexía
Que nunca che escribín
Lisboa, mon amour,
Infame capital.

Contemplo agora a tarde e sinto que ese mar
Deitado na distancia non é máis ca unha sombra
Que gardo no interior
Neboenta lagoa que acaso algún navío
Precípite atravesa
E que eu sigo a fender con lágrimas o río
Chorando por non terte chorado o suficiente.