Audición de J. S. Bach

Envoltos na fragancia que baixa entre os oboes
E a sombra engalanada de cordas e madeiras
Os fíos de barroca e acuática figura
Dan voltas, viravoltas, e esguíos xa remontan
A liña do compás, agora que reunidos,
Conxuntos se encamiñan ao círculo e regresan
Con ímpeto e distancia.

Son formas sinuosas, volutas e espirais,
Tanxentes que abren arcos e dan na xeometría
Do espírito un gran salto, mortal, aventurado
E logo caen envoltas en néboa de fracaso
E glorias que duraron un son de semifusa.

Oh insigne vate escuro, do insólito arquitecto,
Que teñen as escalas que ascenden e declinan
A insomne escalinata de luz do pentagrama
Pra seren cada vez máis orfas e deixar
Os campos sen debuxo de árbores e sombra.

Que gardan escondido pra dárenlle ao solpor
Pigmentos de outonía e cor de vide murcha
Por máis que ainda sulquemos océanos de Xuño.

Oh máxico organista, oh sábio encantador
Das serpes que debuxan fagotes, violonchelos,
Dos longos animais que baixan en gozosa
E tenue algarabía…
Das aves que atravesan na música da tarde
O palio ornamentado
E levan a distancia do eco que se foi…