Debera, pois, agora que nada me é obrigado
Nin sinto o mandamento de lei ou de precepto,
Deitarme a meditar na aberta claridade
Da noite que atesouran os ecos das estrelas;
Sentir se, nese signo do inverno poderoso,
Gañado á conxunción dos astros que se viran
E encontran unha estancia de chuvias e tormenta,
Existe algunha lenda, algún harpexio branco
Que as neves esparexa nas frautas, nos pianos,
Pois sempre quixen ver, nos cálculos enormes
Das cordas e os silencios, un eco do motor
Que xira nas galaxias cometas e satélites
E logo se reduce a notas, a contrastes
De tons que se suceden, de acentos que se apagan.
Así que a rotación dos dedos que circundan
Os ángulos das tebras, os cóbados da noite,
No curso desta páxina furtada aos almanaques,
Conxura o sortilexio das teclas divididas
En brancas ou en negras, celeste antagonismo,
Astral rivalidade, que logo forma acordes
Maiores ou menores, harmónicas cadencias
Que parten da asonancia ou consonancia
Das liñas que atravesan o espazo e van tecendo
A urdime do universo.
Oh nunca outra razón puidera ser disposta
En todo este delirio do son e da romanza,
Do himno e da cantiga. E aqueles que o pracer
Da órfica melaza, capaz de conmover
Sentidos ou instintos, en música extremada
Soñamos e gozamos, en naves que atravesan
Distancias entre estrelas, cabalos perseguidos
Por cinzas de cometa, borralla de galaxias,
Absortos exploramos, xamais descubriremos
O espello que se oculta no fondo deste pozo.
Igual que o navegante do cosmos non terá
Xamais a perspectiva da corda que percute
A man do concertista.
Daquela os que vertemos nos cánticos de agora
O enigma dunha vértebra distante
Que axunta os longos dedos da galaxia,
Sabemos que por tras de cada melodía,
Por tras de cada liña de lume ou de vapor,
Existe a conxunción de luces que fulguran
E forman o momento, por único, imposible
De ser algunha vez de novo repetido.
Por iso nas palabras non hai ningunha lei
E sempre que unha voz percute repetíndoas
Son outros os sentidos, os cálculos enormes
Que o tempo, a circunstancia, debera valorar.
Inxenuas as gramáticas, tamén a matemática
Risible se revela.