Se un día por razóns que acaso non difiran
Daquelas que calquera puidese esparexer
En horas de borrallas ou de incendios
Percibes que o teu canto se afundiu
E todo canto acendes axiña está queimado
E aquilo que veneras convértese en obxecto
De burlas e de escarnio, sarcasmo e desacato,
E sentes que a túa illa no océano perdida
De súpeto está chea da luz continental,
Non deixes que esa incerta, capciosa fantasía
Ocupe a túa memoria, abafe o teu alento,
Pois nada é nunca certo se baixa entre a maraña
De signos da linguaxe.
Así que non te apures e segue a melodía,
O ritmo dos tambores, a pauta dos harpexios,
E pérdelle o respeto ao verbo e ás palabras.
E fala. Porque todo aquilo que postergues
Moi logo será nada, silencio, eternidade.
Por contra, o que te atrevas, indómito, a dicir
Falacia será sempre, mais signo, claridade,
E lámpada que impregna de brillo os arredores.
Atrévete oh inxenuo, a entrar na brincadeira,
No gris divertimento do xogo e a ledicia.
E escribe para as pedras.
Acaso para as aves,
Tamén para os cabalos.
Non deixes de escribir.
para Lara Bacelo