Da memoria e os seus erros 2

Eu sei que non virá xa máis aquela tarde
Ornada de ameixeiras a florir,
O céspede mollado erguendo unha humidade
Na sombra calurosa, no estío culminado.

Por veces acontece que o eco dun verán
Perdido entre as florestas da memoria
Regresa para abrirnos con frío bisturí
A carne das entrañas, alí onde nos doen
Os ecos do fracaso e da outonía.

Son sempre días cálidos, de acougo e vacación,
Con nenos a brincar e longas sobremesas,
Acaso o fume erguido, amargo, dun cigarro
Perdéndose nas trabes do tellado.
E os mortos que índa vivos regresan para estar
De novo baixo o peso da mirada,
Amados e imposibles de seren arrincados
Das sombras neboentas dese ensoño.

Resulta, pois, inútil, oh grave corazón,
Que queiras regresar ao tempo ido,
E lágrimas e choros xamais darán resolto
O infindo xeroglífico dos signos que a memoria
Mestura cos sinais da realidade,
Formando unha figura de ausencia, de distancia,
De oco, de baleiro, de fría, fría morte.

Da memoria e os seus erros 1

Daquela inda podía ollar as laranxeiras
A ergueren os seus froitos camiño do solpor,
O sol extenuado deitándose no Miño,
O plácido silencio da noite fuxitiva,
Os ollos a asomar por riba dos tellados.

Oh era aquela entón a luz da miña infancia
Ou todo foi tramado en soños sucesivos,
Imaxe sobre imaxe, mentira tras mentira,
E son as lúas fúnebres que exercen na linguaxe
Tiránico poder aquelas que me acenden
Agora esta lembranza transida de desexo,
Tinxida de horizontes e chairas e distancia.

Xa todo o que vivín resúltame tan lonxe…
Son tantas as falacias, os fraudes, os enganos,
Que o máxico poder da frauta da memoria
Inxenuos asubíos e chifros e sireas
Galante deposita nos ollos, nos oídos,

Agora que xacente sestea o corazón.