Amo, Aurelia, estes cadáveres que outubro, desprazando

Amo, Aurelia, estes cadáveres que outubro, desprazando,
Leva xa para o silencio.
Óllaos írense esvaíndo. Decrecendo de morte
Nun voo sobre as augas.
E repara en que hai efixies con sinais de ter amado,
Con resquicios de pasar as longas tardes (coma nós,
Ao abrazármonos na tarde)
Contemplando fluír o río
Sen que niso nos deparen o terríbel da beleza
Ou feríndonos coa lanza da ruína veñan pór
Nos meus labios o sal que moleste a túa boca.
Escoita o bater fúnebre dos páxaros nas pólas,
O aletexo con que a noite propaga a súa viaxe
E como todo nos parece máis fermoso cada vez
Que, ollando o fume, nos amamos.
Deixa a música do río pondo túmulos nas árbores
E resgata o pracer que oferece a distancia
Ingresando sombrío entre os choupos do ocaso.
E non sufras porque eu ame os escombros fluviais:
Xa non verei madurecer as cerdeiras do xardín.
Non son máis
Que un varredor en outono.

de O varredor en outono, 1987

Odisea

Do antigo mar que sulcan as palabras
en naves cheas de ánforas e hexámetros
só lembro o vello aroma do crepúsculo
e esa vaga e circular efixie que na noite
despois das chuvias fértiles de abril
emerxe desde o fondo,
atravesando espazos co seu corpo
e abrindo a leve xanela do verán
con un fulgor lunático.

Do resto gardo un eco fráxil
esvaecido como a pomba da mañá
sobre un muro de cal
e só, ás veces,
cando o ingreso do outono é violento
e embalsamo o desexo con flores antigas
lembro a lúa a caer
vertixinosa, acesa,
sobre o doce perfil e a sombra do teu corpo
Nausícaa.

de O regreso das ninfas, 1985