Preguizas 1

Debaixo desta sombra de amenas ameixeiras
Onde outrora soaban as trompetas do triunfo
Na miña mocidade
E os vellos percorrían o límite dos anos
Cangados cos despoxos da vida e dunha guerra
Perdida contra o fascio,
Está, suxeita a un fío que as Parcas non cortaron,
A imaxe dunha tarde, a luz doutro verán.
E nela vive aínda,
Prendida aos avatares do tempo e a tristeza,
Un eco de ter sido feliz no altivo goce
Dos anos máis primeiros.

O céspede non garda sinais dese esplendor.
Tampouco entre as madeiras do vello cabanón
Se advirte algún vestixio.
Mais eu, que levo aínda, na sombra do meu corpo,
O eclipse e a negrura de vellas luces níveas
Relembro eses momentos.

Acaso é fantasía, exceso de querer
Arrincarlle ao devalo dos meses un brillo
Que nunca lle foi propio.
Ou pode que, en verdade, non sexa máis que un soño,
Sedimento incesante de esquecidas visións
Que agora se incorporan,
Simulacro do olvido ou engano da morte.

Por moito que me afaste do tempo e do lugar,
Por máis que se esvaeza
O signo deses anos, o espello no que miro,
A imaxe non se murcha, intacta me aparece,
Inerme, solitaria,
Formando os alicerces daquela miña vida,
Da vida que aínda agora se mostra e me mantén.

O tempo que derruba murallas imperiais
E prende nos palacios lumeiras insaciables
Xa sabe que o meu canto perdeu a plenitude
Dos días clausurados, das épocas gloriosas.
Mais sinto que esa perda non fire nada en min
Senón que se culmina con outras experiencias,
Imaxes que aínda brotan do pano da distancia,
Cabalos e navíos, e árbores na tarde.

Por iso estou tranquilo, deitado a sestear,
O Miño derrubando a umbría das súas augas
No límite impreciso dalgún salgueiro vello,
Agosto culminado no centro do horizonte.

Poética: soneto en alexandrinos

Eu sinto algunhas tardes o asombro de chegar,
A lombos dun cabalo cargado de outonía,
A algunha torre incerta nos límites do día,
Secreto baluarte do oficio de cantar.

O místico castelo, o templo militar
Que enxergan os meus ollos na sombra fuxidía
De vellos pomariños, non é máis ca unha vía
De ascenso, un leve outeiro que serve como altar.

Alí se precipitan no fondo da soidade
Victorias e fracasos, derrotas e equipaxes
E un fica sen sabelo espido na orfandade

De ser un mero signo na historia das linguaxes
Un eco doutro eco, un sol sen claridade,
Un barco xa varado, no fin das súas viaxes.