Monumentalia 2

Se un día, por azares que a ciencia non dará
Cifrado no porvir, voltase eu a nacer,
E fose quen de urdir o rumbo dos meus días
Do berce ata ao xacigo, ben lonxe desta terra,
Acaso noutra época,
Sería, sen pensalo, o xeque dun país
Máis cálido e sublime.

No centro do palacio poría unha verbena
Constante, numerosa. E nela danzarían,
Espidas e felices, as miñas cen mulleres,
Os meus trescentos fillos, e toda a miña corte
De eunucos e criadas.

O viño escorrería lixeiro por un río
No centro das estancias
E cestos con améndoas, laranxas e mazás,
Serían todo o ornato das salas e dos cuartos.

As noites en que a lúa mostrase ao firmamento
Un círculo rotundo
Do xardín chegarían alegres cantinelas
E, xa de madrugada, sopor de leitos frescos,
Da palabra a asomar, mil poemas en flor.

Que lonxe quedarían daquela os meus fracasos,
As follas de ignominia, ruínas da paixón,
E moitas flores secas, e tantos descalabros!

O mellor disto todo, aínda así, estaría
No teu corpo conciso, oh ti, A Preferida.