Vigo

Como o pó que se erguese coa caída dun anxo
Aí estás, oh cidade, decrépita, futura,
Amarrada ao embarcadeiro do Atlántico e a chuvia.

En ti prendeu a idade e arderon os meus anos,
Oh lumeira feliz e infeliz dos meus días,
Entre a luxuria de novas mulleres e o baile e o alcol
Ou nos libros que cedo arrinquei dos estantes
Ou nas tardes dun longo setembro que sempre está en ti
A borrar as estacións,
Ante as portas dos despachos de nobres editores
Onde entrego os meus soños
A unha néboa de olvido.

Xa non nos coñecemos.
Eu tardei en borrar as túas rúas do mapa que en min
Desdebuxa outros rumbos,
Ti esqueciches a senda que leva os meus pes
Á procura da auga,
Orgullosa e fabril, humilde e portuaria
Como unha prostituta.

Agora estamos sós, deitados frente ao mundo.
O vento arrinca as follas dos estanques,
Anuncia nas gaivotas outro outono,
Sempre o outono,
Inédita amañace a lúa sobre o mundo.
Mais ti, cidade, vas, cangada como un barco
Enchido de edificios,
A afundirte entre un sen fin de estrelas fluorescentes,
Anuncios e comercios e tráfico nocturno,

Oh tártaro e edén, abismo, paraíso.

Amén

Como o barco que afunde co casco destruído
E xa deita nas ondas, espello dos abismos,
Os botes salvavidas, bengalas de perigo,
Así puidera agora mostrarvos o meu sino.

Por sorte o vento inflama as velas do navío
E o mar se amostra calmo, pacífico, tranquilo.

Que así perdure sempre, que nunca o donativo,
A esmola, a caridade, precise se estou vivo,
Nin só no meu naufraxio reclame algún auxilio.

Que non me cumpran nunca sufraxios e subsidios,
Nin busque ante a tormenta peiraos de grande abrigo.