Concédeme, Señor, agora que, cangado
Co peso do fardel dos anos xa vividos,
Devalo cara á idade de inútil opulencia,
Poder interrogarte, incrédulo e ateo,
De xeito sosegado, pacífico, impasible;
Poder solicitarche resposta a tanto enigma,
A toda esa voráxine de dúbidas, de escuro,
Que aniña no pombal do corazón,
E ser contigo extremo dun fío de palabras
Que arrinquen do baleiro esa harmonía
Celeste do imposible, inútil do delirio.
Pois deben os poetas tratar co creador
Que asoma en cada signo da linguaxe,
E seren así deuses, tamén á súa maneira,
Se torpes consideran que é propio da súa estirpe,
Se lúcidos proclaman naufraxios da razón.
Por iso, oh fuxitivo monarca das palabras,
Concédeme o teu reino, república ou imperio,
Que, errante no percurso de tanta incertidume,
Os cans das moradías irados a seguir
O rastro que errabundo vou deixando,
Ben poida achar acougo nos altos baluartes
Que erixes contra as sombras, vangarda da milicia
Das tebras, da negrura, de engano e confusión.
Día: 25/01/2011
Salmo 1
Case dous mil anos e ningún deus novo
F. Nietzsche
Señor, están molladas, as follas amencidas do salgueiro
E a terra que desperta, os páxaros que erguen
O voo sobre a distancia.
Que lástima non ter a fe que outros celebran
E así falsificar a gloria desta hora
Insólita e feliz como calquera;
Que triste non poder falarche desde a crenza,
E ollar nesta aventura dos astros que se moven
E mutuos se iluminan en danza interminable
O signo da vontade que exerces desde a altura,
Oh deus extraterrestre, por sempre situado
Alén deste planeta de incendios e de mares.
Eu fun, desde mociño, na obriga de adorarte,
Errante polos templos da antiga fantasía
E souben da paixón, do sangue que alimenta
E as outras antropófagas barbaries que me evocan
Os ritos dos teus fieis, as pompas dos adeptos,
E anos precisei, de asombro, de arrebato,
P´ra darlle algún sentido á poesía
Aos signos que devalan nas augas da liturxia
Tal árbores caídas nos bosques da piedade.
Mais souben finalmente que existes, que pertences
Á vacua monarquía da linguaxe,
Dominio establecido no punto cenital
Que axunta a presunción e a realidade.
Así que me é posible, oh deus no que non creo,
Falarche como falo aos plácidos outeiros,
Ás praias desoladas, aos campos farturentos,
E darche así noticia dos meus días,
Discurso que se nutre de si mesmo,
Nun fío circular, esférico, curvado,
Acaso como levan mil séculos facendo
Os homes que anteceden o meu rumbo.