Corpos 1

Debuxo agora un trazo de néboa no papel
E sinto que na liña de gris enfeitizado
Navega algún navío,
Espectro de viaxes fendidas polo tempo,
Excéntrico residuo do paso do vivir.

Non é máis que un capricho, un eco alucinado
Dos corpos posuídos, das nádegas negadas,
Dos brazos erixidos en voos de garza ardente
Nas torres do desexo,
Nos altos baluartes do afán e da paixón.

Mais pode que nalgún dos seus contornos secos
Perviva a exhalación, o alento esvaecido
De antigos apetitos, de fames non saciadas
Que foron declinando en ríos de avidez.

Celebro que regresen, que ocupen esta tarde
Deitados xunto a min
Nun leito encaramado no límite do olvido
E digan que foi certo,
Que foron e que fun.
E así, como caendo, aumenten este ascenso
Dos meses derrubados
E o ceo se precipite e volva aquela chuvia.
E os barcos que cruzaban o espello sobre o lago
(Pincel de vermellos diversos na luz do solpor)
Se avisten desde o cuarto do decrépito hotel.

Ou pode que me engane, que nada sexa certo,
Que todo se mesture nos pozos da memoria
E os corpos, os brazos, as linguas, o afán
Celebren unha burla, un rito de sarcasmo,
Un lenzo de seda a filtrar as imaxes da sombra.

Mais pode que tamén un anxo escurecido
Transporte unha lanterna,
O nítido raio de luz que esclareza ou ilustre
Esa lámina escura do corpo indultado.

Salmo 3

Diría, se puidese falar do que, vedado
Ao mundo solitario das palabras,
Resístese á mención, á cita, á referencia,
Que a plácida mañá de marzo vén sublime
A abrirse poderosa nas alturas.
Ben sei que ti, Señor, carente como estás
De adornos e atavíos, precisas do espectáculo,
Da pompa celebérrima do azul sobre os outeiros,
Do mar a espreguizarse, nupcial, voluptuoso,
Como unha prostituta, no límite da praia,
Pois moras na soidade profunda dos abismos,
No centro dos baleiros, no berce dos silencios,
Solteiro como un río que seca no deserto
Os líquidos fecundos da montaña.
Por iso te regalas asombros e portentos,
Rarezas e prodixios, tal neno que a brincar
Escoita como baten
As horas no profundo dos reloxos
E acende bulicioso os fósforos dos astros,
Estralos e peonzas, balóns e bicicletas
Que xiran as súas rodas e os seus radios.
Así que aquela parte de min na que inda dura
A infancia te celebra,
Oh heroico pai eterno, espello en que mirarme.