Jazz

Son negro e toco ás veces nun clube polas noites.
O meu é o saxofón. Nacín nalgún lugar
Moi perto de New Orleans. Un deses arrabaldos
Que foron integrados no manto da cidade.

É todo moi sinxelo. Subires ao escenario,
Deixar que o corpo baile, facer que te percorra
O ritmo desde as plantas dos pés ata a cabeza.
E logo procurar que un pouco desa forza
Se filtre polos dedos.

Os brancos consideran que é arte o noso rito
E aplauden compracidos, un algo artificiais.

Dubido que así sexa. De feito, eu só procuro
Cumprir co meu traballo, gozar da miña vida.
O resto son palabras.

América florece e a música morreu.

Cinexética

Despois das portas brancas que o día acende agora
En límpidos latexos de prata e brillo azul
Hai ríos ensumidos en bosques neboentos,
Arbóreas siluetas de lóbregos contornos.

Alí quero chegar disposto á montería
Dos corzos amorosos, dos cervos desexados,
Os dardos da memoria no arco da paixón,
Celeste cazador.

Daquela prenderei un lume con materias
Furtadas ao devalo sublime da outonía
E as mans hei aquecer ollando sobre o lago
Os matos e espesuras, salgueiros, enramadas.

Se a noite me sorprende no asombro dun luceiro,
Vixilias gozarei, sereno e sentinela
De tanto son templado no lar da natureza,
E insomne auscultarei o parto doutra alba.

Non hai outra vivencia máis chea de sentido,
Ningún outro costume que outorgue a exaltación
Daquel que asexa o mundo, errante, desvelado,
No monte que respira, que o sopro do país

Batendo solemne no peito da terra.