
Publicado no suplemento “Galicia Literaria” do Diario 16 de Galicia o 17 de maio de 1990
Antón Avilés de Taramancos (1935) é, hoxe por hoxe, un dos poetas vivos máis interesantes cos que conta a nosa literatura. Formado na Coruña dos anos cincuenta, xunto aos restos do grande naufraxio nacionalista da Segunda República, e metade emigrado metade exilado durante vinte anos en Sudamérica, ten colleitado un grande prestixio literario desde o seu retorno, a principios dos anos oitenta. Recentemente acaban de publicarse dous libros da súa autoría: As torres no ar, Editorial Soutelo Branco, Barcelona, e Nova Crónica das Indias, Editorial Ir Indo, Vigo. Manuel Forcadela tivo a oportunidade de falar con el na súa casa de Noia.
P: – Os poetas da túa xeración (unha xeración, por certo, de poetas moi importantes) parecen ter deixado hai tempo de publicar poesía. Poderíase case dicir que ti es dos poucos que aínda continúa na teima lírica coa mesma vontade e co mesmo interese de sempre. ¿A que atribúes esta constancia nun tempo sén dúbida tan pouco propicio?
R: – Hai que entender que eu me fun para América aos vintecinco anos cunha obra a penas iniciada. Só publicara As moradías do vento na revista Atlántida e A flauta e o garamelo da que se fixo unha pequena tiraxe con subvención pública na Coruña e que tivera moi pouquiña distribución pois era unha cousa máis ben de amigos e tal. Cando colles o oficio de poeta como unha reserva íntima podes desempeñar todos os oficios na vida pero do que estás seguro sempre é de que a túa verdadeira vocación é a poesía. E esa é unha reserva que eu teño aínda que despois traballe do que sexa. Tomei esa determinación desde moi novo. E loxicamente, ao irme tan cedo de aquí, ao chegar despois de vinte anos e querer conectar outravolta con Galiza e co seu mundo literario, a pesar de que eu non perdera enteiramente o contacto pois carteábame con certa frecuencia con persoas hoxe moi coñecidas e que me tiñan ao tanto de canto pasaba aquí, foi en grande medida traballoso e este afastamento físico de Galiza tíñase que notar na miña poesía non só pola data de publicación das miñas obras máis persoais senón tamén polos seus contidos.
P: -Lendo os teus libros, sobre todo este que acabas de publicar (As torres no ar) e o anterior (Cantos caucanos), un ten a impresión de que manexas a experiencia dun home da túa idade e, ao mesmo tempo, conectas coas correntes máis anovadoras da nosa poesía. Ao mellor algún crítico decide situarte entre a xeración dos oitenta.
R: -Cando decidín voltar a Galiza, porque vía que se comezaban a dar unha serie de condicións políticas que permitían a miña vinda para reintegrarme no movemento de loita polas liberdades, pensei que a maneira de entrar novamente dalgún xeito na miña patria era dar todo o mellor que levaba dentro de min e que gardara durante os anos de ausencia. Abrollou entón o labor poético, o cultivo da poesía, e nisto influiu o contacto cos poetas máis novos cos que me atopo con frecuencia e, nesa medida, son como unha especie de renacido, tanto na poesía como na vida.
P: -No teu libro falas de Ulises e de Itaca. Sen dúbida, a túa experiencia persoal, os longos anos de estadía en América, teñen sido para ti como unha Odisea que marcou definitivamente a túa vida e a túa obra poética.
R: -Vinte anos de vida non poden ser resumidos nunha entrevista. O certo é que eu non era un emigrante normal. Integreime nun novo país e nunha nova vida. Pasei por unha serie de circunstancias e, mesmo, aventuras pois tiña a idade para iso. Eu síntome aínda un sudaca, ese termo tan despectivo co que nos referimos a eles que sempre nos acolleron maravillosamente e cos que un pode vivir como non se pode vivir en ningún outro sitio. Nas miñas Novas Crónicas de Indias que, en certa medida, son atemporais, vén moito da miña historia persoal. Todos e cada un dos personaxes que aparecen no libro teñen algo que ver comigo. Dun xeito ou doutro cruzáronse na miña vida. Por outra banda eu teño moitas influencias dos escritores colombianos, venezolanos, peruanos, brasileiros. Estiven traballando durante catro anos na embaixada do Brasil, co embaixador Teixeira Soares, e tiven un contacto moi permanente coa literatura brasileira. Moitos dos poetas desta literatura tiveron unha fonda influencia en min.
Durante eses anos, sen embargo, escribín pouco. A vida íame levando por outra serie de camiños aínda que había sempre ese fío que te vai atando á poesía e á patria. Todo iso de que cacei tigres, fun contrabandista ou trafiquei con cabezas reducidas, sendo certo ten moito de mítico, pois data dunha carta que eu lle escribín a Salvador García Bodaño polos anos sesenta e tantos, cando andaba con Miguel de la Cuadra Salcedo. Non son máis que as pequenas anécdotas dunha vida moito máis complexa e tamén máis normal.
P: -A cuberta do teu libro é de Lugrís, un pintor co que ti compartiches anos de amizade e bohemia na Coruña, baixo o máis escuro franquismo, antes de marchares a América. Fálanos un pouco daquel tempo de mocidade.
R: -Eu fora á Coruña para estudiar Náutica pero descubrín que o meu amor ao mar era máis ben distante, de velo pero non de sufrilo, era un amor de paisaxe pero non de vivencia total. Eu xa tiña decidido ser unicamente poeta. Todas as cousas que se deciden na mocidade acaban marcándote para sempre. Non tiña ese espírito de nauta ou de mariñeiro para meterme verdadeiramente no mar. Naquela Coruña tan escura do franquismo en que había un control case total da cidade porque era o lugar de veraneo do Caudillo, todas as forzas que había entón desde o Capitán Xeral que era un árabe ata o Gobernador Civil que era un requeté, facían que o ambiente fose moi lóbrego e escuro. Aínda que tamén había certa luminosidade na Coruña , porque, como agora mesmo, aínda que pareza mentira, por tras de toda aquela parafernalia fascista, estaba unha Coruña viva e que aportaba algo a Galiza. Naquel tempo aínda quedaban os restos das Irmandades da Fala, dos fillos de Vilar Ponte; da Academia Galega que aínda que estaba deturpada por todos aqueles elementos que o franquismo meteu adentro, mantiña antigos membros. Estaban, por outra banda, os Carré Alvarellos que representaban unha Galiza coas raíces moi vivas, estaba o Raimundo Patiño e o Xoán Casal que eran xunto comigo a xente máis nova, e eu aprendín moito na Coruña e nela vivín desde o ano cincuentaetres ata o ano cincuentaenove. Urbano Lugrís era o meu compañeiro daquel tempo. Un poeta e pintor moi extraño, unha especie de extra-terrestre pero cunha sabedoría infinita que me aportou uns coñecementos que doutro xeito non tería conseguido nunca. Era un home que recitaba a Rilke en alemán, a Shakespeare en inglés ou a Rimbaud en francés; que o sabía todo sobre a Xeración do Vintesete española porque vivira con eles na Residencia de Estudiantes en Madrid. Había moito no fondo de Urbano Lugrís que se me contaxiou a min para rematar tendo unha fiestra aberta á concepción da poesía como universal. E dalgún xeito esa marca lévoa sempre.
P: -Os teus poemas, de tan persoais, parecen carecer de referencia literaria. Sen embargo, a partir da lectura de Cantos Caucanos eu advertín a presencia de certa vontade nerudiana. Sexa ou non certa a miña apreciación, ¿que textos pensas que poden estar por tras da túa poesía máis recente?
R: -Non creo que Neruda, a pesar de que tiven o honor de tratalo persoalmente, sexa en absoluto unha referencia a ter en conta. Si que hai outros poetas chilenos como por exemplo Pavo de Roca, un home que andaba vendendo libros de segunda man polo trasandino e que se suicidou de tan desesperado que estaba, ou mesmo, Nicanor Parra. Son poetas que están máis comigo que Neruda aínda que haxa que recoñecer que Neruda é un poeta de obra máis total. Detrás del hai toda unha poesía latino-americana moi viva que aquí se ignora e que debería terse en conta. O mesmo que pasa na novelística.
Moitas veces penso en cales son os autores cos que verdadeiramente está imbricada a miña poesía e a verdade é que dubido moito. Podería, sen embargo, dicirche algúns nomes: Saint John Perse, Aimée Cesaire, o poeta da Martinica, León de Greiff, un poeta colombiano moi amigo meu, algúns poemas de Manuel Bandeira, un poeta brasileiro.
P: -O título do teu libro As torres no ar, a pesar de que se trata dunha cita tirada da túa infancia, parece evocar un tanto o tema do turrieburnismo ou das torres de marfín. Por outra banda, na túa poesía desapareceron desde hai tempo os temas de confesionalidade política. ¿Cómo se leva a túa actividade poética e a militancia desde o teu cargo como concellal nun grupo da esquerda nacionalista?
R: -Certamente non son eu, nin polas miñas características persoais nin pola miña vida social, un poeta que poda ser acusado de turrieburnista. A verdade é que teño que andar escribindo mesmo dentro da multitude. Admiro sen embargo o turrieburnismo dos poetas brasileiros do século pasado. No Brasil houbo unha xeración de poetas como Afonso de Guimaraes, Olavo Bilac ou Cruz e Sousa, que conforman o chamado parnasianismo ou simbolismo brasileiro, tan importantes ou máis que os franceses a pesar de que se coñecen pouco. Influíron moito en min porque forman parte dunha literatura feita na nosa mesma lingua e clarísima, perfecta. Algo de todos eles quere estar presente, aínda que sexa dun xeito inconsciente, no meu libro. Desde Olavo Bilac ata Cruz e Sousa, que, por certo, era un poeta mulato que facía moitas referencias á brancura. Estaba obsesionado coa brancura.
De todos xeitos, e por outra banda, a vida non me ten dado nin a soidade nin a oportunidade para exiliarme nunca na Torre de Marfín. Este libro meu é un pouco unha maneira de entrar novamente na terra, de recuperar o paraíso perdido e retomar o tempo da infancia. Unha persoa comprometida coma min, cun posto de certa responsabilidade na política, dentro da esquerda nacionalista, cando ten que escribir panfletos debe facelo con todas as consecuencias. Cando me pica unha pulga de tipo político disparo con toda a miña artillería pero cando entro no territorio da poesía entendo que desde Galiza temos que facer unha obra universal que debe irromper novamente na civilización aportando algo, tal e como se fixo hai mil anos cando os nosos cancioneiros, que acaso foron a nosa única oportunidade para sermos o alicerce da Civilización. E desde logo facelo segue sendo un labor político.
Gústame esto:
Gústame Cargando...