Debuxo sobre a area un círculo fechado
E poño nel un pau, un resto de naufraxio.
E fico a contemplar a obra que me une
Por sempre a este escenario, lugar no que as mareas
Regresan e descansan. Despois camiño un pouco
Tentando non mollar os pés no lento baile
Das ondas a abater un ritmo acompasado,
E sinto como, espidos, imprimen sobre o chan
A liña dun camiño, a sombra dunha vida.
Son estes os trebellos que cabe utilizar
Na busca dun sentido. Non outros son posibles
Se queres empregar a forza do naufraxio.
O resto xa son cousas de máis sofisticadas,
Complexos artiluxios que buscan, entre enganos,
Borrar da nosa mente a morte, a inevitable
Irmán da serenísima, da tétrica soidade.