Poética XIII

Non somos máis que corpos
Transidos de linguaxe.
As fábulas que erguemos,
Os cantos proferidos,
Pertencen ao confuso,
Incerto territorio,
Ás néboas e ao vapor,
Do engano e da invención.

Así que as carruaxes
Da nosa grande historia,
Dos logros que mentamos,
Fracasos que escondemos,
Non cargan máis que cinza
Do tempo decorrido,
Borralla da existencia,
Escoria, desperdicio,
Das voces que nos fundan,
Rumores e retumbos.

Sabelo, certamente,
É todo o que podemos
Gañar nesta viaxe.
Dispolo por escrito
Non deixa de ser outra
Maneira de acalar
Que dentro está o baleiro,
O escuro e o silencio.

Daquela non deixemos
Que o canto se fecunde
Con burlas ou estafas,
Con trampas e falacias.

Poetas, procurade
Chegar, como eu cheguei,
Ao insólito lugar
Dos gritos abafados.

Espada

Se remexes agora en poemas perdidos
Que unha tarde escribiches na mesa dun bar,
Procurando abrir neles a xanela do outono
E dispor as túas néboas no centro da casa,
Non é so coa vontade de achar o segredo
Que durmía esquecido no alto do estante
Nin sequera por ver que ficou daquel tempo
Cando incerto vagabas nas sombras da frase
Á procura dun brillo de ouro.

Falo, eu sei, porque empregas
O teu tempo en escuras manobras,
Como aquel xeneral que dispón as súas tropas nun campo
E non treme ao sentir
Que está a morte a deitarse na herba.

É por iso que adquires a forte emoción
E mesturas nostalxia e olvido,
A piedade
E a espada.