Da vila que florece entre o pouso das néboas
Arrincada a un voo de gritos e distancias
Gardádeme un lugar que teña ocaso,
Un recanto que se acenda no río do solpor
Para abrir as nupcias altas, venteadas
Do outono aínda infante e o verán.
Que sexa un deses cálidos cafés
Que Hibernia ofrece en pago de ambulancias
A todo aquel que arrisca o seu camiño
E prende nunha aba do chapeu
A flor murchada en bosques ao seu paso.
Que nunca alí se internen as mesnadas
Errantes dos que van
Incertos, sen afán nin lucro da paisaxe.
Que sexan outros templos os que dean
Acubillo ao seu percurso.
O pórtico ninguén
Máis ultrapase.