Os días que me queden aínda por vivir,
os meses ou os anos que deba de agardar
cargando a doce mole do peso da existencia,
quixera eu derramalos á beira da túa luz,
sentindo o voo melódico da música a zunir
o mesmo que unha abella en prado delicioso.
É luxo que me impoño, exceso innecesario,
acaso un arrebato, un rapto de desexo.
Mais nunca fun alleo de Venus aos caprichos
e sempre fiel seguín o curso dos seus pasos.
Dirán que andei perdido, que errei a miña vida,
que torpe me adentrei en selva pedregosa,
que inxel dilapidei fortuna e existencia.
Mais esas son as regras do xogo da ruleta:
ou gañas e consegues imperios e facendas
ou perdes e arruínas a casa e o negocio.
Arríscome a gastar o resto dos meus anos
seguindo a longa estrada camiño dunha feira,
camiño dunha festa en noites de verbena,
camiño de teatros no inverno máis fecundo.
Arríscome a volver de novo nun cruceiro,
andar de porta en porta pedindo algunha esmola,
seguir desde unha aldea o rumbo cara a outra,
feliz como os moinantes, os pobres, os saudosos.
Non outros os destinos que sempre desexei:
un voo de ave lixeira na tarde polos campos.