Os outros

De todos os que un día chegamos para abrir
As portas do futuro no leito da distancia
Son moitos os que foron caendo sen deixar
Sinais do seu periplo nas chagas da existencia.

Chegounos algún eco dos corpos derrubados,
O instante en que, reunidos, choramos esa perda,
Mais logo veu o inverno e a néboa a debuxar
Insomnes precipicios e cólicos e pranto
E algúns daquela fomos en barcos a sentir
A brétema premendo nos pórticos do olvido.

Mais nada foi deitado no mar do esquecemento.

Así como pasaron os anos regresou
A luz da súa presenza, o lóstrego da vida,
E agora entre a penumbra que foi o meu camiño
Celebro o seu misterio, os signos que aínda emiten
O mesmo que se fosen disparos contra o mar,
O mesmo que se entrasen espidos na tristeza.

Benvidos vellos mortos, cadáveres que amei.
En vós existe agora un soño que é real,
Un voo de cinza e terra que arde entre palabras.

Sexta epístola de ninguén

As torres erixidas, os pozos escavados,
Os ríos, as murallas, os bosques, os palacios,
Son signos de tristeza, do esforzo por chegar.

Mais nunca chega nada, Ninguén xamais encontra,
E o mundo vira e vira, perpetua virazón,
Os astros contra o fondo da noite entre planetas.

Por iso os magos gañan insólitos denarios,
Tesouros arrincados da carne entre pregarias,
Pois teñen a valía da tráxica ilusión,
O prezo acrecentado da fábrica do engano.

Maldito ilusionista aquel que se fornece
De roupas e atavíos azuis para a falacia,
Maldito quen proxecta con luces sobre o fondo
Da vida unha mirada de túnicas e brillos,
Aquel que desdebuxa a lúa sobre o mar
E erixe longas flores do amor e da esperanza.

Que nada está detido e todo cesa e cesa.
E os triunfos son instantes. E eternas as saudades.