Porque sei dun río que pertence ao camiño das auroras
e ao descer por entre os vales cara á morte nos esteiros
baña torres que aínda erixen os imperios sen fin
e abraza corpos de doncelas que se entregan sen recato.
Non ten nome ese fluído nin ten augas que levar
pois o centro das materias que transporta é tan breve
como o voo dunha palabra
e ninguén coñece a fonte nin chegou persoa á foz.
Quen navega o seu percurso pode, mesmo, derrubarse
e ficar durmindo séculos nas illas
ensoñando outros lugares e outros ríos
sen poder volver xamais,
perdido para sempre no periplo,
varado no quebranto da linguaxe,
caído na aventura da palabra.