Aqueles que na insólita chamada desta hora
Esquezan o seu arco, a lanza, o heroico escudo,
E dean en fuxir, xamais terán perdón,
Xamais serán vingados se o fado se lles torce,
Ninguén fará por eles, o olvido acadaraos
Alí onde pervivan, despois deste holocausto.
Así que reunidos, audaces, medoñentos,
Valentes e sublimes, covardes, timoratos,
Formemos a lexión, a plétora, o tropel
Que arrinque do inimigo cadáveres e pranto.
Ah gregos, atenienses, feliz cidadanía
Chamada a perdurar por séculos e séculos,
É tempo de arrimar o ombro e derrubar
A Esfinxe e os vapores de xofre que inda ascenden
Dos abismos do Hades.