Negra sombra

Tiña aberta unha boca no centro da outonía,
Un pozo que manaba estraña claridade,
Unha sombra de luz, un lóstrego de umbría
Murchando rosas negras, Raíña Escuridade.

Levou o canto aceso en días torturados,
E dixo estar ferida por aves solitarias,
Deixounos un poema de imaxes portuarias,
De xentes que embarcaban aos trópicos soñados.

Gardaba na súa queixa un eco altivo, claro,
Un sol que esparexía penumbra pola estancia,
E foi pra todos nós fulxente como un faro
Batendo coas súas aspas na néboa e na distancia.