Acolle, Aurelia, este breviario para os devotos da ruína
porque nel figuran nomes dalgún ser que outrora amamos,
follas de árbores feridas, as estátuas do xardín,
o vacío que algúns anos me deixaron.
E consérvaos no interior de tantas casas como habites,
florecida ou murcha xa,
mentres poidas atender o fluído inútil das súas letras
rescatándoas do silencio.
E non evites ser infiel á súa mensaxe consumida
se no rumbo dos seus pasos achas flores que te erixan
como torre no deserto
ou se soñando no verán descobres páxinas esguías
que non souben escribir.
E se os lumes do holocausto non chegaren até el
lévao ti como oferenda para os deuses do solpor
e esparexe logo as cinzas sobre as augas dalgún río.
Mais só unha cousa che demando:
nunca delas te separes.