Se eu puidese darche, Aurelia, moito máis que heroicas rimas
e afastados lugares que un día soñei
non terías visto nunca este breviario de ruína
este templo lunar.
Acaso un voo de brisa xélida andaría a pel intacta do meu rostro
abeirando unha illa nos mares remotos
ou, irado no lance de extremas batallas,
batería o meu brazo e a espada nun corpo xacente
para entrar victorioso, marcial, nunha bélica praza.
Ou, xa sabio no amor, honraría os meus días
nunha empresa de uces e áureas gadañas
mesturando raíces de vides, nogueiras
e choupos recentes
para darche unha pócema inútil,
unha ebria mirada.
Mais quixo Outono que nacese xunto ao peito de Minerva
escoitando o fluír da súa lira de auga
recibindo os seus óbolos brancos
e isto é Todo o que che debo:
unha néboa fluvial que me envolve no ocaso.