Solpor e eternidade

Ali Larrey photograph 23

Que insólito escribir en lingua fenecente
Con signos, con palabras que non pervivirán,
Sabendo que o silencio, tiránico mutismo
De néboa, de soidade, en xélido extravío
Os cantos tornará.

Por sabio, por fermoso que sexa o teu discurso
Ninguén virá deitar a ollada sobre el
Nas décadas que sigan, nos séculos vindeiros.

E pode que isto sexa, se ben considerado,
Vantaxe que tomamos, dianteira e beneficio,
Pois nada está chamado a perdurar
E, grandes os enganos da gloria, do renome,
Xa a luz do esquecemento decoramos.

Quen es, oh ti, lector, senón un artificio,
Fantasma que atravesa os campos desolados,
Os ermos territorios en que avanzo,
Palabra tras palabra,
Igual que un combatente ferido que regresa
Despois dunha batalla
Manchando co seu sangue a terra dura.

Por iso de que serve, falaz, considerar
Os moitos ou os poucos que nos lean
Se estamos pelexando contra a noite,
A tebra que se asenta no centro da mirada,
E os mesmos artificios que nos fundan,
Autores e persoas, son máscaras, disfraces,
Bonecos que dan forma á carantoña
Da música vocal, da átona harmonía.