SOBRE O RITMO DO SIGNIFICANTE E AS SOMBRAS QUE PROXECTA SOBRE O SIGNIFICADO

Non sei se se percibe que o metro de escribir
Que ten o evanxelista só mide en heptasílabos
Que logo se reúnen en modo alexandrino
E, só de cando en cando, por medo a se tornaren
Monótonos e umbríos, adxúntanse tamén
A algún hendecasílabo.

Así que a profecía, o dogma e a doutrina
Non baixa ata os humanos de xeito baladí,
Somero, insustancial, senón coa percusión
Da tónica e a átona a ser condicionante
Do lírico extravío.

Aqueles inclinados a creren as materias
Tratadas con retórica sombría
Sen dúbida acharán ridículo este feito
E mesmo quererán topar algún matiz
Nos fíos que entretecen o discurso

E nada hai máis alá dun rápido tantán
Que imprime lenta danza na conciencia.

A danza mortuoria do tantán,
Sinal de que por tras do abismo da linguaxe
Só mora a mesma morte.