Dúas meditacións sobre a morte I

Loitar por algo inútil é sempre unha maneira
De darlles ás bandeiras azuis da liberdade
Un folgo inesperado, un hálito distinto.

Unirse aos que regresan vencidos e asumir
Con eles a derrota; marchar cos que, caídos,
Anuncian o clamor da nova hora;
Fundirse coa lexión dos desarmados,
Parece un cometido de apóstolos, de loucos,
Que, acaso xa curvados co peso do fardel
Dos longos anos idos, precisan nese tempo
De índices e epílogos sumar outra medalla
Ás moitas adquiridas na gloria da milicia.

E certamente son as lúas da derrota
Sazóns para os que enchidos coa sapiencia
Penetran no interior baleiro do silencio.

Mais erra o que se atreve a ver no galardón
Indicios do porvir, sinais do que virá,
Pois nulos son os triunfos que a morte considera
E inútil toda insignia de victoria.
Nin óbolos admite aquela que acompaña
Os corpos consumidos ao reino da distancia.

Así que os que perderon e víctimas laiaron
Xa teñen unha mostra do que ha ser
O premio derradeiro.

Celebra pois chorando os teus mellores triunfos
Pois nada é máis falaz.
Que saibas que na morte ningún irá contigo.