A paixón segundo o evanxelista

Son poucos os humanos que poden aspirar
A ver como a súa vida decorre longamente,
Á beira dunha deusa, feliz, inadvertida.

Só un pobre evanxelista, alguén a quen os fados
Furtaron de máis épicas empresas
E abriron a encomenda de dar conta locuaz
Dos fastos e das pompas divinas polo estío,
Celebra agora o rito no templo xa baleiro,
E agarda a que a celeste, beatífica, gloriosa,
Do altar baixe cantando, espíndose na sombra.

E se isto acontecer do xeito en que acostuma
E o escravo e fiel vixía, con fregas, frotacións
E plácidas masaxes, consegue incorporala,
Tornar só corpo a aquela que é alma soamente,
Escriba dos seus días con tinta ha de marcar
Os brancos pergamiños.

Que neles, pois, perdure,
Á beira da doutrina,
O harpexio máis gozoso dos seus gritos.