Sen dúbida perdín o rumbo dos meus anos
O día en que deixei que, errante, te afastases
De min por unhas poucas palabras de arrebato.
A vida aporta ás veces escura encrucillada,
Camiños que nos cómpre axiña distinguir,
E é fácil enganarse, optar por unha vía
Que leva á perdición, deixar atrás un paso
Que cruza un fondo corgo, e en troques preferir
Pasaxes que despois infindas nos obrigan
A nómadas vagar por ermos e desertos.
Así que non me estraña que agora, nesta altura,
Despois de tantos anos, no tempo en que os loureiros
Xa cinxen en coroa a miña heroica fronte,
Decidas regresar e escribas longa carta,
Relato do teu curso por bares, por haréns,
De tratos con macarras, con chulos, con ladróns,
E digas que aínda sofres por coitas tan antigas.
Comprendo a túa mudanza. Eu son agora membro
De clubes elitistas, navego en grandes iates
Con ricos empresarios, conduzo un automóbil
Con coiro nos asentos, e teño amantes varias
De razas moi diversas que acoden á chamada
Solícitas e tenras.
Desculpa a negativa
Mais creo que pasaron os meses en que, inxenuos,
Podíamos urdir fundar unha familia,
Comprarmos un terreo, facermos unha casa.
Eu sigo a ser solteiro mais teño o corazón
Comesto de soidades e fracaso.