Monólogos Chopin 5

Escoita o longo exilio da tarde sobre o mar
Agora que este tempo xa esvara de preguiza
E pon metais candentes e máquinas de chuvia
Nos templos en que dormen ausentes os cabalos.

Escoita como chega, os días derrubando,
En láminas de antigos diarios e almanaques
Gardando entre os misterios da brétema unha voz
Que grita como gritan as aves contra as casas.

E soña que esa escoita de música e silencio
É sombra que esparexe a noite en porcelanas,
Un voo de vidros rotos caendo entre os pianos,
Azul como un harpexio de líquidos e chagas.

E escoita a luz do corpo chegando para dar
Leccións de melodía nas vellas alamedas
Erguendo en tubas altas o brillo da cervexa,
En cordas aforcando o pranto do violín.

E deixa que che entre na casa dos oídos
Aquel bater de ondas e náufragos pianos
Sen illas en que atar as cordas dos navíos,
Sen portos para abrir as caixas da tristeza.