Canseira

Quixera encher os salmos de cinza que compón
Cos líquidos que a noite apousa nos tellados
Acaso enferruxando metálicas materias,
Un óxido de chagas insomnes, purulentas.

Quixera que se fosen deitando de vagar,
Acuáticas as marcas de tantas cicatrices,
Que a noite as ocupase con lama e alcatrán,
Borrando a carnación porosa e apagada.

Quixera que entre as liñas que forman a ascensión
Da noite cara aos centros acesos do luar
Brotase unha camelia, a flor da súa cidade,
E nela un novo tempo, a época da luz.

Mais todo canto fai agora por chegar
Ao insomne clarinete da lúa entre cristais
Non é máis que unha sombra de árbores caídas,
Os lindes dun regato cansado, delirante,
As beiras dunha longa melodía.