Historia dunha foto

IMG_3933

Quen se interese polo cadro de Antoine Watteau, Pèlerinage à l’île de Cythère, (Embarcamento para a illa de Citera), ha de saber que o lugar evocado no cadro existe realmente. Non falamos da illa de Citera, que é a illa principal do Golfo da Laconia, senón desoutro lugar composto na pintura e desde o que se produce a partida das xentes felices que embarcan para a terra da paz e da prosperidade.  watteau_cythera

Encóntrase ao final da máis típica e exótica das pequenas penínsulas do extremo sur do Peloponeso: Mani, quintaesencia dos valores nacionais gregos, no golfo de Mesenia, moi perto xa da Laconia, terra dos lacónicos.

O lugar desde o que se podería embarcar para Citera non ten nada que ver coa representación idealizada que compuxo o pintor francés. Non existiría esa pendente pronunciada e de vexetación tan mesta que dese para o río que aparece ao fondo, suxerindo esoutra paisaxe moito máis francesa, se cadra versaillesca.

No que si acertou Watteau foi na atmosfera lumínica.

Copio dun meu diario de viaxe: 17 de agosto de 2007.

“… a primeira parada facémola en Aerópolis, unha vila tipicamente Mani, na que damos un percorrido para facermos as compras de rigor, comprobar o aire das rodas e cargar auga. Logo seguimos cara a Githio, onde tamén facemos unha parada para coñecer a vila e tomarmos algo. É outra localidade pequena que se estende ao longo da costa e moi típica e característica. […] Proseguimos algúns quilómetros cara ao sur e encontramos unha praia extraordinaria cun navío embarrancado na que decidimos parar para comer e para durmir”.

[…]

“O lugar semella moi tranquilo xa que a estrada xeral vai bastantes metros por enriba, de maneira que agás calquera outra continxencia, imos ter un bo ambiente para descansar. O sol púxose antes das sete da tarde, por mor dun monte próximo orientado cara ao oeste, e, porén, a luz do crepúsculo non desaparece, deixándonos durante un longo período nunha situación lumínica de ensoño. Calor refrescada polo mar e luz atenuada que non por iso nos impide sermos conscientes de todo canto nos rodea”.

Algo diso percíbese na foto que acompaña estas palabras. Ese navío embarrancado, que é Grecia, que é Galicia, que son eu, que somos todos nós.