Time is an ocean but it ends at the shore

Tales-from-the-hidden-attic

Cando o corpo dos meandros repouse baixo as aves
sinalando novos sulcos para as augas
por entre as madeiras cansas
e na fondura dun arroio a terra mole
outorgue á entrada do solsticio
o tremor da herba que medra
procura entón ese convite que te chama para sempre
á paisaxe onde agrelou a escuridade.

E gárdate do pó que murcha as cores e debuxa
o tempo nas palabras. Mais non do abrente
dunha rosa ou do silencio
da tarde.

Para o mar que procuras (a sombra)
mentres baixas na brisa, oh leve ouriol,
leva as áncoras novas e a raia dun voo,
nacente como un eco de sal, voluptuosa.