Ao saírmos do país pola gorxa do fiordo
abeirando a mole nívea das illas
os navíos debuxaron entre sulcos e ronseis
a efixie de solpor, (ese cristal que afoga o mar
inzándose de cores) para teren propicias as aves.
“Agora ti serás, oh branca e mol Noruega,
a xoia que procuren os meus ollos
brotando da nostalxia para sempre”,
dicía aquel que eu fun erguéndose na popa
coa pena e co tormento da partida.
A espiña dunha rosa fenda a brisa ao anoitecer.
O espello no que a tarde garda escuros grans de ouro
reflecte aquel instante de loucura. Lembro
que esquecín a lingua que falaba
e, ás veces, cando soño,
por entre as follas húmidas das árbores
advirto a sombra da neve
e a lixeira melodía das harpas e os oboes.