E agora, nobre Lidia, tomemos un avión,
Mordomos e criados transporten a equipaxe,
E ao encontro de países exóticos vaiamos,
Deixando atrás o dogma, os templos e a piedade.
Que saiban os que seguen o noso rito escuro
Que augures e oficiantes, canónicos e prestes
Tamén teñen dereito a sete días gratos
Nas augas do Caribe. Que cese a antiga dor
Das tétricas liturxias. Agora celebremos
As glorias do universo tomándonos un ron
Sen medo de incurrirmos en lúbrico delicto:
Bailar, como é debido, un longo cha-cha-chá.
E logo, á media noite, no efluvio desta cálida
E tórrida paisaxe nos mares refresquemos
Os corpos aqueixados, a lúa sobre as augas.
Que veñan os da axencia tirarnos unha foto.
Será a nosa maneira divina de influír
No rápido incremento do turismo
A zonas deprimidas,
Carentes de calquera outro recurso.
Que sexa pois tamén o credo, a relixión
Un xeito de afondar, perdoen a palabra,
A solidariedade.