poldros

pasamanos_baston 500

Se deitas unha espiña no centro da canción

E deixas que a ferida lle sangre ou se gangrene

Verás que desa dor florecen vellas tardes

Camiños arrincados ao lume do crepúsculo

E un voo de labios tenros que deron en perderse.

Así que non dispoñas agullas, estiletes,

Trebellos que abran fendas na carne do teu canto

Se acaso consideras mellor para ese rumbo

Tornar ás melodías que ascenden por abril.

Afástate daquela do outono e os seus ríos,

E anímate a sucar os campos constelados,

Os bosques de maceiras, a música feliz,

Algún dos signos gratos que fundan na emoción

Tremores de ouropéndolas e xílgaros e aves.

Sé, pois, como eses poldros que arrincan das primeiras

Calores un incendio de música e clamor.

Os poldros que se inclinan nas fontes a beber

Os viños que arrecenden a flores e pasado.