Ninguén foi fusilado nas sombras dunha tarde
Por grupos combatentes chegados desde Alén.
Mais antes de ficar na terra xa abatido
Dispuxo a súa pregaria final e derradeira:
“Eu son Ninguén, Ninguén, camiño de Ningures,
Por diante do meu corpo só néboa se esparexe.
Ninguén, o vagabundo, o insólito rebelde
Que foi por eses vales soñando debuxar
Un voo de tardes dadas nos círculos da sombra
E deu con vellas flores, hortensias e fracasos;
Aquel que viste sombras e vai polas ribeiras
Da tarde a procurar debuxos de penumbra
Nas casas derrubadas; aquel que viste olvido
E túnicas garnidas coa Flor do Esquecemento.
Ninguén, o que levaba a tráxica carreta
Do espolio dunha casa de súpeto fechada
Por longos arrepíos, tremores de distancia;
Eu son Ninguén, Ninguén, camiño de Ningures,
Por diante do meu corpo só néboa se esparexe.
Ninguén, o sibarita, a ver se se pousaba
A negra bolboreta dun cólico de sombra.
Ninguén, o cabaleiro, aquel que se deitou
Nas pozas onde paran as rápidas derrotas
Das augas devalando camiño dos seus mares.
Ninguén, o afinador de acuáticos harmonios,
O home que soprando falaba como os xílgaros,
Feliz entre asubíos de brisa, afinador
Do insólito piano da horta amañecendo.
Ninguén, o rei daqueles que demos en perder
A vida perseguindo a brétema e as nubes.
Ninguén, meu coronel, acaso xeneral,
Portando o seu destino de cinza xunto ao olvido.
Eu son Ninguén, Ninguén, camiño de Ningures,
Por diante do meu corpo só néboa se esparexe”.