PERDURACIÓN DO AMOR E VINDICACIÓN DAS FLORES OU RETRATO INACABADO DE DURERO REAPARECIDO EN 2007

SuperStock_260-554

Espido xunto ás caixas dos grandes almacéns,

Despois dunha xornada de compras, de dispendio,

No instante de iniciar a proba desas roupas,

Contémplaste no espello, sen cremas nin carmíns,

E ollas como a pel se foi desdebuxando,

O xeito en que as olleiras se marcan cada vez

Con máis intensidade, a forma en que as meixelas

Adquiren liñas, sombras, camiños para as bágoas,

Mais nada impide aínda que brilles por ti mesmo,

Que posto ante os espellos, as cámaras, os focos,

Dispares ese longo feitizo da mirada

Igual que unha granada, o mesmo que un puñal.

Así que segues sendo fermoso á túa maneira,

Distante, misterioso, seguro e outonizo,

E nada do que outrora erguiches como emblema

Da breve mocidade, dispón agora espiñas

En contra do teu voo, senón que manifesta

De xeito renacido a mesma proporción:

A negra cabeleira por riba dos teus ombros,

As formas prominentes do queixo e do nariz,

Os ollos como améndoas abertas e castañas,

A flor rotunda e grave dos labios tal cereixas.

Celebro, pois, que os anos, o tempo que vivimos

Cantando xuntamente as límpidas pregarias

Que Venus pide a xeito de ofrenda e devoción,

Servisen para darche sequera esta beleza,

Sequera este tremor da pel cando te toco,

E toco aquela mesma visión de vinte anos

Que hai tempo coñecín.

­Por iso non comercies, non fagas ningún trato

Con marcas que te asumen por sempre xuvenil,

Que fan do teu fulgor obxecto de mercado,

E deixa de usar cosméticos e tintes, complementos,

E usa a penas auga. E flores, moitas flores,

As flores percorrendo o corpo a cada pouco,

As flores camiñando o peito de vagar.