noutras augas

HCB-ITALY.-Sicily-region.-Village-of-Bagheria.-French-photographer-Henri-CARTIER-BRESSON-left-and-Italian-photographer-Ferdinando-SCIANNA.

Quen me dera ter vivido de verdade a túa existencia:

cinco décadas cumpridas, un oitenta de estatura,

varios miles de versículos nos teus libros e cadernos.

Mais o certo é que non fun

Eu aquel que te guiaba

no percurso polos días

senón outro, ese fantasma

clausurado polas sombras dos espellos,

dalgún xeito igual a ti,

como un eco de naufraxio,

como o eclipse dun pardal.

 

Quen me dera ter amado coma ti nas longas noites,

prodigarme nos afagos dalgúns corpos tan sublimes

que era inútil procurar a sentenza do destino.

Ter amado aqueles rostros, esas bocas, eses ollos,

debuxando no teu peito o camiño da derrota.

 

Mais o certo é que estiveches tan ausente, tan distante,

que inda hoxe cando alguén sen querer te identifica

compañeiro de naufraxio

xorden dúbidas misterios que non deches resolvido,

a impresión de estares lonxe de ti mesmo

ou acaso a convicción de perdéreste no tempo

como un barco que afundiu

noutro inverno noutras augas.