disque

motheranddoughter

Porque a vida non foi máis que un brevísimo camiño,

unha sombra, un percorrido polas marxes dun espello,

inocente a procurar a túa efixie no cristal,

unha imaxe como un voo de vento apresurado,

unha brisa que corría como escorren os regatos.

 

Porque a vida non che deu máis milagres que o de ollarte

a través do vello azougue, unha árbore, unha torre,

unha nube fuxidía, un silencio no misterio,

unha casa, unha vereda, unha brisa por setembro.

E os enigmas da palabra,

as palabras como cinzas como anacos de cristal,

como pedra que alguén trouxo moito antes de falar,

como lumes que prenderon polos montes da conciencia.

 

Porque a vida non deixou outro pouso que o silencio

ou a música perdida,

un escuro pentagrama, unha antiga notación,

unha cifra como enigma.

 

Porque a vida estivo aquí,

neste corpo que se foi día a día polos anos

como marchan as correntes

como foxen do fluír das augas

as ribeiras.

 

Porque o resto nin sequera

podes hoxe presentar

como triunfo ou testemuña,

como sombra que o sol puxo

debuxada contra a terra.

 

Porque a vida xa cansou

como cansan os paxaros

de voar pola tormenta.

 

Porque a vida estivo aquí

disque seica acaso mesmo.