hibernia

ragnaraxelssonillroundup-_--iceland-1

Quen leve estes ramallos de hortensias consumidas

ao fondo da distancia

e ofrenda de solsticio celebre para o sol

en pago por quenturas e alivios estivais

e faga o percorrido do norte contemplando

o xeito en que outros pobos se agrupan polo inverno

manteña ben atentas a escoita e mais a ollada

por ver se entre a xentalla que asoma no percurso

o rostro comparece, os ollos ben antigos,

os labios coa sustancia frugal da eternidade,

daquela que está lonxe e perto ao mesmo tempo:

Hibernia cos seus longos atavíos.

 

Se cadra e vén ao caso, oh dádelle recordos,

estima trasladade de canto devecemos

por ter de novo o voo, o aroma da presenza,

o tacto dos seus doces harpexios sublimados,

a sombra dunha voz que o escuro me arrebata,

o hálito febril, de neves asemade.

 

Hibernia con roupaxes de flores conxeladas.

Hibernia nos glaciares, os cervos enxergando.