Non recordo en que momento, en que punto do camiño,
alguén dixo este lugar, conquistado noutra era
por absurdos xeroglíficos,
foi virando na cidade,
territorio escravizado,
labirinto da loucura,
“Ninguén veña por aquí, xa sobramos os que estamos”,
un exceso de misterios, e de enigmas e de caos,
unha sombra en crecemento, unha nostalxia.
Non recordo en que paisaxe, en que monte, ante que mar,
alguén dixo este país, o lugar do esquecemento,
foi maldito polos séculos,
e ficou a ollar un voo que se perdía
de paxaros pola tarde.
“Porque aínda non parou o motor do vello exilio
só unha fuga comparece”.
Non hai sombra nos espellos,
non hai círculos de auga.
Só distancia. Unha distancia
que se toca e se esparexe
entre as pontes dos dedos.
A distancia de min mesmo concibida como patria.