as froitas que derrama xaneiro na distancia
dispoñen unha luz xa diferente
un ton máis acendido e nítido brillante
con pingas de alegría sobre os campos
son borras de mazás que deron en durar
as horas esgotadas doutro outono
e heroicas adentraron os corpos entre o frío
son cinzas de laranxas borrallas de pel seca
que arderon consumidas entre as neves
e foron arrincando das tardes a humidade
precisa esa quentura da vida elemental
os´cólicos que premen nos pés do camiñante
os pánicos que atan as pernas do fugaz
as froitas que esta hora dispón como agasallo
a dádiva feliz do almorzo dilatado
presente gorentoso que estrala sobre a lingua
e deixa un voo de espellos de líquidas dozuras
chegaron como un soño pousaron o metal
do inverno sobre o ventre e preguntaron
pon onde van os días melodiosos
e alá foron correndo dispostas a chegar
que todo a fin de contas non é máis
que un fume na distancia